Friday 03 de May de 2024

A base do Aldebarán empeza a coller ritmo mentres que o primeiro equipo continúa líder na SM2


Os equipos do Aldebarán de volei pecharon unha fin de semana con resultados desiguais en practicamente todas as súas categorías, aínda que semella que as distintas formacións da base e tamén o sénior feminino empezan a coller o ritmo da competición. Só veu para San Sadurniño a victoria das rapazas xuvenís colleitada diante do Vigo. Os outros cinco equipos perderon dando moita guerra e demostrando que teñen aptitudes para ir mellorando na clasificación tan pronto como alcancen o nivel de compenetración necesario. Quen continúa imparable é a formación absoluta. O Aldebarán-Intasa venceu o sábado na casa ao CyL Palencia 2018 por 3 a 0 e mantense como líder do grupo A da SM2.

Intensa xornada dos equipos de base do club Aldebarán, que esta fin de semana desprazou a case todas as súas formacións. Na categoría masculina os máis pequenos viaxaron a Monforte para enfrontarse ao Korbis e nada puideron facer ante o maior poderío físico e a calidade do conxunto local. Os cadetes e os xuvenís foron a Vigo baterse co Teis e tampouco puideron sacar nada en positivo, aínda que o conxunto cadete tivo a victoria nas súas mans. Tal e como apunta a crónica enviada polo club, ´”só lles faltou un pouco de experiencia e tamén serenidade nos momentos decisivos do 5º set”.

No tocante aos equipos femininos, as rapazas máis novas sufriron unha derrota clara fronte ás monfortinas e, aínda que mostraron boas maneiras, o potencial físico e técnico das xogadoras do Korbis foron determinantes no resultado.

A sorpresa dérona as mozas do xuvenil en Vigo. Sorprenderon a un Teis que partía como favorito, pero que á hora da verdade non soubo frear o conxunto do Sansa. As rapazas do Aldebarán loitaron desde o primeiro momento e non se esfondaron tras perder o primeiro set. A partir de aí emprenderon unha remontada que se fundamentou en boa parte no aproveitamento dalgúns erros defensivos do conxunto anfitrión. “Victoria merecida que, de seguro, cargará ás rapazas de ilusión e ánimo para os próximos compromisos”, asegura a crónica do Aldebarán asinada por Manolo Seco.

Por último, bo partido tamén do equipo sénior que, malia o pouco tempo que levan xuntas, mostrou que ten aptitudes para interpretar un bo papel na liga. Nel dase “unha boa mestura de veteranía e xuventude” e aínda que o resultado foi o que foi -perderon 3 a 0- si exhibiron un xogo vistoso e efectivo en varios momentos do partido que, malia todo, non logrou compensar a falta de acoplamento dun equipo “ao que aínda lle falta algo de rodaxe”.

A próxima xornada os equipos de base e o feminino sénior xogan na casa. Ao longo da mañá do sábado teremos derbi en varias categorías contra o Narón Volea e o domingo ás 12 as rapazas maiores reciben ao Bruxas de Ourense.

Resultados dos equipos de base e sénior feminino

Categoría feminina

Senior: Teis 3 – Aldebarán 0 (25-14/25-15/25-19)
Xuvenil: Teis 1 – Aldebarán 3 (25-15/22-25/15-25 y 22-25)
Infantil: Korbis 3 – Aldebarán 0 (25-10/25-6 y 25/11)
Categoría masculina

Xuvenil: Teis 3 – Aldebarán 0 (25-7/25-9 y 25 -8)
Cadete: Vigo 3 – Aldebaran 2 (25-21/20-25/13-25/25-15 y 15-12)
Infantil: Korbis 3 – Aldebaran 0 (259/25-13/25-21)
O Aldebarán-Intasa continúa líder
Quen está certificando un arranque de temporada memorable é o Aldebarán-Intasa, que mallou o sábado no CyL Palencia 2018. Un equipo que tradicionalmente encabezou as táboas clasificatorias da SM2 pero que nesta temporada 2016/2017 semella non estar rendindo como sería de agardar dunha escuadra formada pola canteira da selección absoluta que emprega a categoría de prata do volei como escenario no que pulir talentos que logo saltarán ao primeiro equipo estatal.

Como queira que sexa, a SM2 ten as mesmas regras para todos e son os resultados os que deciden quen está arriba ou abaixo. E o Aldebarán-Intasa demostrou que este ano é un dos inimigos a bater na parte alta. Contra a Concentración permanente exhibiu un xogo moi superior en todo o encontro. As estatísticas sinalan maior efectividade en practicamente todos os apartados: foron máis efectivos no saque (tamén en puntos directos), marraron menos en recepción e só se notou unha leve vantaxe no bloqueo para os visitantes. O partido rematou cun resultado de 3-0 (25/21, 25/13 e 25/23) e, ademais, confirma o ollo do club á hora de facer fichaxes, xa que o colocador Andrés Portero volve figurar esta semana no equipo ideal da SM2.

O Aldebarán continúa invicto no grupo A da SM2 -este ano a competición dividiuse en dúas ligas paralelas que confluirán máis adiante- e o sábado viaxa ao sur de Galicia para enfrontarse ao Club Vigo Voleibol, que marcha penúltimo. O partido comezará ás 18.30h. no pavillón municipal de Coia.